Por Suso.
Cando corrín a miña
primeira maratón no 2014 na Coruña, dixen que non viaxaría para correr, que
tiña anos por diante para facer esas cousas. Por unha cousa ou por outra, en
setembro de 2016 corro a Maratón de Moscú, en maio de 2017 a Maratón de
Ratisbona (Regensburg, Alemaña) e neste maio de 2018 xurdiu a posibilidade de
correr a Maratón de Xenebra, a Harmony Genève Marathon for UNICEF que tiña
lugar o domingo 6 de maio. Precisamente esa fin de semana ía ir visitar a unha
amiga a Xenebra, así que non ía desaproveitar a oportunidade. A pregunta era se
10 km, media maratón ou maratón. Esperei ata 10 días antes, porque a maratón da
Coruña fora só hai 3 semanas. Por diversos motivos, pensei que o mellor era
correr a media maratón. Así que me inscribín na Semi-Marathon Genève 2018.
Cheguei a Xenebra o
xoves pola noite. Despois dun venres non moita calor pateando Xenebra e dun
sábado lucindo a negra a 3842 metros de altura no Aiguille du Midi co
Mont-Blanc de fondo, chegou un domingo quentiño quentiño (29º a mediodía) para
correr a Semi-Marathon Genève.
No Aiguille du Midi |
Espertei moi cedo,
demasiado para non ser unha maratón, ás 5.45. Ducha, almorzo e ás 7.00 collín o
bus para ir á saída. Cheguei cunha hora de antelación e con tempo, fixen 2 kms
moi suaves con algunha progresión, raro en min (normalmente en medias apenas
fago nada). Estou no primeiro caixón (sub 1h30') e bastante adiante (quinta ou
sexta fila), vai ser unha saída rápida. A idea é ir a ritmo de facer marca e
logo ver como evoluciona o corpo, pero arriscar un pouco para ver se é posible.
Así que a idea é ir constante a 3'53"-3'55"/km.
Dáse a saída. Os
primeiros 6 kms son case completamente chás, pois só hai unha pendente moi
pequena ao comezar o km 2 e outra de baixada ao rematar este mesmo km. Así que
é un moi bo terreo para rodar. Os parciais que saen son os seguintes: (km 1) 3:54, (km 2) 3:45, (km 3) 3:51,
(km 4) 3:48, (km 5) 3:52 e (km 6)
3:48.
O ritmo era máis
rápido do esperado, pero ía moi cómodo e as sensacións eran moi boas (salvo
pola calor). Así que decidín continuar e arriscar, non había nada que perder.
No fondo, xa ía predisposto a que isto pasase.
![]() |
Pode verse unha nécora á esquerda |
Ao pasar polo km 6,
xiro á dereita e primeiro avituallamento. Había que hidratarse ben, pois era
primeira hora da mañá pero xa apretaba a calor. A auga estaba en vasos, así que
non me cortei en baixar o ritmo e beber ben: km 7 en 3:56. O km 8 en
3:53.
O km 9 ten unha lixeira pendente
descentente (3:46) e o km 10 lixeiramente
ascendente (3:51). Ata este momento, toda a carreira discurre por longas rectas
entre campos, normalmente asfalto pero algún pequeno camiño de terra ao lado do
río tamén hai.
Xusto ao pasar por
ese km 10, xiramos á esquerda e está o avituallamento. A calor aumenta e toca
tomar xel. Así que decido facelo con calma para beber ben ao ser en vaso. De
feito, fago varios metros a 5'10"/km segundo o gps. Despois do
avituallamento volvo a coller ritmo pouco a pouco (demasiado rápido quizais) ,
este km 11 sae en 4'00"/km.
No km 11 comeza
unha longa recta de 2 kms en clara baixada, con case 500 metros por un tunel, e
comezo a ter un punto. Imaxino que será pola combinación de frenar, beber
bastante e aumentar rápido o ritmo. Así que neste segundo quilómetro de baixada
o paso bastante mal. Aínda así, fago o km
12 en 3.43. Pouco a pouco algo mellora, pero segue aí o punto. km 13 en 3:39. É moi rápido, pero estes
dous kms son en constante baixada ata chegar ao lago.
Primeiro momento no
que miro o reloxo e fago contas, teño moita marxe para facer marca, e mesmo
pode que baixe de 1h22'.
Desde agora todo
será chan ata o final, e ata o km 17,5 completamente recto bordeando o lago
(onde chegaremos ao centro de Xenebra). Pouco a pouco acércome a un grupo que
hai diante. Chegando ao km 17 adianto ao grupo e anímolle a un corredor co que
compartira os primeiros kms da carreira: "Allez allez!". Estes kms
saen como segue: (km 14) 3:50, (km 15) 3:51, (km 16) 3:50 e (km 17)
3:50
Metros despois do
cartel do km 17 entramos no centro de Xenebra, e agora si, hai moitísimo
público. Agora é cando hai que disfrutar! De feito, fago o km 18 en 3:43. Eu mesmo era consciente de que ía demasiado rápido,
pero había que deixarse levar!
Xiro á dereita para
pasar polo Pont des Bergues e comezan os primeiros síntomas de cansancio
bastante de golpe. km 19 en 4:00.
Alcanzo a dous corredores e me adianta outro. Entramos nunha longa recta, case
sen público. Momento máis duro da carreira, as pernas van afogadas. Decido
deixarme levar e recuperar un mínimo para poder disfrutar o final. Miro o
reloxo e a ollo, por riba, as contas saen mesmo para baixar de 1h22'. Non me
preocupo polo ritmo. km 20 en 4:10.
Entramos de novo no
paseo do lago e aí recupero algo de forzas. É unha longa recta ata que hai un
xiro de 90 graos de esquerdas para entrar no Pont du Mont-Blanc e recorrer os
últimos 200 metros. Todo está feito, agora si que xa só queda disfrutar. Moito
público. Animo e disfruto. Xa está, xa chegamos. Aumento o ritmo. Último xiro
de esquerdas e ... caída!
Tropecei co pé
esquerdo nunha das vallas que hai exactamente no xiro de esquerdas, na esquina.
O corredor que ía xusto detrás miña esquívame e non hai problema. Eu levántome
xa no comezo da recta de meta (a 200 metros da chegada) despois de rodar uns
metros. Non miro nin que me fixen, só me pregunto "como te podes caer na
última curva?"
![]() |
Xusto despois da caída |
Volvo coller ritmo
pouco a pouco. Logo vexo que inda así ese km
21 o fixen en 3:55 (nin tan mal). Miro o reloxo de meta, e vexo que pese a
caída, conseguino!
Tempo oficial: 1h21'19"
Posto: 52
Finalmente tempazo.
Nunca pensei que fose a saír tan ben, aínda que antes da carreira a idea era
saír un pouco modo kamikaze. Saiu ben.
Logo recoller a medalla.
Auga, auga, e máis auga. Voluntarios cunha mangueira ofrécense a ducharnos, e
mesmo se fixan na miña ferida e límpanme a sangue do nocello. Outro voluntario
acércaseme e dime que vaia á cruz vermella. A verdade é que a organización
espectacular, non só por isto, senón tanto antes da carreira con auga gratis,
moitos baños, voluntarios informando en todo momento, gardarroupa ben
organizado e moi bo transporte público. Unha carreira para recomendar sen
dúbida ningunha. Ademais, cun perfil moi favorable para facer bos tempos.
Última foto no lago
Ródano coa medalla e a ducharse e volver saír para disfrutar da maratón e dun
domingo en Xenebra.
Moi contento polas
sensacións, por como foi a carreira, polo tempo e, sobre todo, pola
experiencia. Disfrútase moito no correndo no estranxeiro. Distinto a correr na
casa, con outros matices e outros alicientes, pero sempre interesante.
Un honor lucir a
negra polo mundo adiante. Xa virán máis, e mellores!
Apertas!
Suso
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Contamos contigo