Maratón de Barcelona
(Según
Mincha)
O meu primeiro obxectivo da tempada ben de ser cumprido. Logo da maratón de Berlín comecei a pensar nunha nova maratón que facer antes do asalto a New York en Novembro de 2010. Decanteime por Barcelona por dúas razóns: polo seu perfil e, sobre todo, por poder compartila cos meus compañeiros de equipo. Nun principio tiñamos que ir cinco pero o cambio de plans de
Beauvais e o accidente de
Linkin deixounos a
Agúita,
Canido e mais eu como únicos representantes do CAR Marisqueiro.

Esta vez decidinme por seguir o plan que ten a páxina de Runner´s World para baixar de 3h 30m coa intención de facer as series mais rápidas e algunha sesión extra para buscar prepararme para una marca ao redor das 3h 25m. Este plan é de 17 semanas pero eu comecei a partires da 9ª logo dunha pausa dun mes debido as circunstancias familiares que moitos coñecedes (aproveito para manifestarvos o meu profundo agradecemento a todos os compañeiros do
C.A.R. Marisqueiro e de por ter estado ao meu lado neses momentos).
Comecei os adestramentos o 24 de Decembro, e dende o primeiro momento gocei adestrando como non lembro, xa foran sesións de carreira continua ou de series pero sobre todo gocei das “tiradas longas” xa que por fin puiden participar nos CARMAS dominicais do equipo. É unha auténtica gozada correr con tan boa compaña a pesares de ter que madrugar e coller o coche para ir a Vigo. Agardo que continuen e que algunha vez sexades vos os que collades o coche e viñades coñecer as miñas rutas.
Cheguei a Barcelona o Venres e quedei cos compañeiros Taninos de Ponteareas para ir coller o dorsal. O Sábado pola mañá tocou paseo en compaña deles e xa ao mediodía quedei para xantar con
Agüita e cos incondicionais seareiros do
CARMA:
Pili,
Andrea,
Yolanda e
Gerardo. Logo da comida outro paseo e retirada a descansar para o gran día logo de organizar a intendencia para a carreira.

En fin, que chegou o gran día e eu sabía mellor que nunca que chegaba moi ben preparado e que si non había sorpresas tiña que facer unha boa marca e mellorar o meu rexistro anterior. De todos xeitos, e por primeira vez, non me puxen obxectivos e saín coa intención de gozar da carreira e de Barcelona e de gardar forzas e non forzar ata chegar ao quilómetro 30 e a partires de aí dalo todo. Isto é moi fácil de dicir pero outra cousa e que saia ben.
Ás 7:45 atópome con
Agüita,
Canido e familias facemos as fotos de rigor do equipo e tamén cos Tanino´s Runners, deixamos a roupa sobrante ao equipo de intendencia e marchamos colocarnos no noso caixón.
Agüita e mais eu no de 3:00-3:30 e
Canido no de 3:30-4:00. Quecemos, estiramos e agardamos ata as 8:30 que dan a saída. Saimos tranquilos xa que os primeiros quilómetros pican un pouco para arriba e dende o primeiro momento observo que
Ramiro vai sobrado e ten que frearse para non irse xa que eu non quero forzar no principio. Logo de volver a pasar pola Praza de España e saudar á familia no quilómetro 12
Ramiro decide subir un pouco o ritmo e eu seguir reservón ata o 14 que deixaremos de subir (por pouco que sexa). Pasan os quilómetros e eu gozo da cidade (a Pedrera, a Sagrada Familia...) e manteño o ritmo que me pide o corpo (ao redor de 4´50´´) aguantando un pouco o ritmo nas subidas e deixándome levar nas baixadas.

A media maratón pásoa en 1:43:28 e aproveitando que o perfil vólvese chan subo un pouco o ritmo (sobre 4´45´´) inda que sigo gardando enerxía pensando en chegar con forza ao 30. Dende o comezo da carreira vou bebendo constantemente bebida isotónica como me recomendara o meu nutricionista e tamén procuro coidar a técnica de carreira e levar unha posición erguida. A verdade e que vou bastante ao meu
rollo e tardo moitísimos quilómetros en decatarme que a xente que vai ao meu lado e sempre a mesma: un grupo de corredores de vermello co nome de
Run Crono, outros de verde de Vitoria e un grupo de tres corredores entre os cales hai un home de mais de 100 quilos de peso (claramente gordo) que aguanta perfectamente e vai falando cos seus compañeiros (admirable).
No quilómetro 25 chegamos á Diagonal Mar e lembro que
Linkin falara de que era o peor tramo por tratarse dunha recta de mais de dous quilómetros e con escaso público, sen embargo está chea de xente animando e por riba eu comezo a ser consciente que teño moitas reservas e síntome forte e pouco a pouco aumento o meu ritmo, comezo a adiantar a muitísimos corredores e abandono definitivamente aos meus compañeiros de viaxe.
No quilómetro 30 agardan me
Pili,
Andrea,
Gerardo e
Yolanda que me da o meu avituallamento “
especial” para o treito final e tamén anda por alí
Cheetos agardando por
Fandi. Tomo unha ampola de glucosa e sinto o subidón que me fai “voar” e continuar aumentando o ritmo. E impresionante a sensación de forza que teño e ver como adianto a outros corredores con moita facilidade anímame a dalo todo inda que gardando a
“poción máxica” para os cinco quilómetros finais que volven picar cara arriba.
Paso as torres da
villa olímpica e pouco antes do Arco de Triunfo adianto a Vieira (organizador da
Vig-Bay) a quen saúdo. Os pasos pola Praza de Catalunya e a baixada polo Barrio Gótico están cheos de público moi animado e cun grupo de rock que soa moi ben xusto antes de pasar pola Catedral. Ao pasar pola rúa de S. Jaume, que é a parte mais estreita da proba, teño un pequeno incidente cun corredor estranxeiro a quen lle pido paso. Non só me nega o paso senón que me da co seu cóbado no estómago con bastante forza. Alporízome e dou un acelerón para pasalo e deixalo ben lonxe.
Dende o 37 vou dándolle pequenos sorbos á miña poción e por fin chego á Praza de Colón onde xiramos cara a dereita para afrontar os dous últimos quilómetros de subida. Xa dende o 37 son consciente de que vou mellorar por moito a miña marca e en vez de relaxarme neste treito final forzo a máquina xa que en ningún momento da carreira tiven sensación de sufrir. Tiro a botella que levo na man e concéntrome en aproveitar todas as forzas que me quedan no último quilómetro que se fai interminable ao tratarse dunha recta en subida na que se ve a
Fira de Barcelona ao final xusto antes da curva de meta. Nesta curva escoito os ánimos dos seareiros do
CARMA e gozo sprintando (por primeira vez) os 195m finais entrando na meta cos brazos en alto e mirando para o ceo. Teño unha mestura de emoción e felicidade que xa non me abandonará no resto do día.

Logo de pasar a zona da meta saúdo aos Taninos que tamén conseguiron os seus obxectivos e atópome coa familia do
CARMA, doulle unha aperta ben forte a
Ramiro e tamén celebramos a chegada de
Roberto. Logo ducha,
CARMA comida-celebración, paseo, despedida e mais paseo camiñando de regreso ao hotel. O subidón e tal que o paseo e de case que dúas horas.
Para rematar quero agradecer todos os ánimos recibidos no foro e dos compañeiros do
CAR Marisqueiro, así como da familia que nos acompañou en Barcelona e a
Cheetos que tamén andaba por aló animándonos a todos.
Aquí tedes os datos dos meus parciais e algún vídeo de zonas de paso da carreira.
E agora xa ando pensando no gran obxectivo do 2010:
The ING New York City Marathon. A miña 10ª maratón será, si todo vai ben, o 7 de Novembro de 2010 acompañado do meu inseparable
“parella de feito” (salvo nas carreiras que vai sempre por diante)
Beauvais.