martes, 24 de abril de 2018

A miña primeira C42 como nécora


Por SUSO

VII Maratón Coruña42

Este camiño comezou o luns 8 de xaneiro. Este camiño tería 14 semanas. 14 semanas e un obxectivo, a miña 7ª maratón, a Coruña42.

A idea era seguir, como boceto, o plan de Gavela sub3h. Sen presións, sen obrigas, pero empregalo como idea xeral. En total fixen 6 tiradas entre 28 e 32 km nas semanas 3ª, 4ª, 8ª, 9ª, 11ª e 12ª, facendo nesta última a tirada de calidade: 30km a 4’22”/km. Ademais, fixen MMP en media maratón na Coruña21 na 6ª semana (1h22'27") e tamén en 10km na Interrunning na 10ª semana (37'38"). Con todo isto, parecía que os deberes estaban feitos e que o sub3h era unha posibilidade. Todo podía pasar, pero era unha boa oportunidade para intentalo.

Así comezaba a 14ª semana. Descanso e máis descanso era a receta. O traballo estaba feito. Nas seis maratóns anteriores nunca pasara dos 500 km no mellor dos casos nin adestrara en condicións, pero nas tres nas que fixera 3h13' (Coruña2014, Coruña2015 e Porto2017) se algo chegaba era descansado. Así que estaba claro que tiña que facer. Toda esta última semana a cabeza daba moitas voltas sobre que facer, como encarar a carreira, que estratexia seguir. Non había lebre. Así que pensei en ir ao redor de 4’12”-4'15"/km ata o km 10, e a partir de aí manterse constante no 4'12"/km para ter marxe nos últimos quilómetros. Esa era a idea.

Chegou o sábado, e cando me din conta, estaba no Marineda recollendo o dorsal e sacando unha carmafoto con David, Javi e Lete.



Ás 22h30 metido xa en cama, pero non fun quen de durmir ata pasada a medianoite. De feito, ás 4h30 espertei e non conseguín reenganchar. Durmira catro horas e algo, pero xa era domingo, xa era o día, así que coma se durmira oito, por ganas non sería. Ducha, almorzo dos bos e ás 7h40 saín cara María Pita ao gardarroupa, onde coincidín con varias nécoras e xa fomos xuntos ao obelisco. Carmafoto ás 8.00, ir ao baño, pasar pola cámara de chamadas e para o caixón.


Parece que varias nécoras imos ir a polas sub3h, máis ou menos ambiciosos, pero esa é a idea. Somos Hernán, Lete, Marzoa, Víctor e máis eu. Tamén varios foreiros de Correr en Galicia cos que xa falara nos últimos días. Pinta ben a cousa, parece que haberá un bo grupo. O tempo pasa e non dan a saída. Toca esperar, escápome e vou ao baño, que non saímos, que si, que non, e ao final xa avisan de que agora si, de que agora todo está preparado.

Son as 8:52, comeza a VII Maratón Coruña42.

----- 1ª volta -----

A saída foi tranquila. Máis ou menos estamos preto todos os que imos a por ese sub3h. Ese primeiro km con calma e sen que haxa problemas. De feito, eu non vou cómodo, pois teño unha especie de minipunto. Durou só 400 metros, pero o suficiente como para que me entrara algo de medo.

Xiro de dereitas en Juana de Vega, Praza de Pontevedra e entramos no paseo. km 1 en 4:25,5. Demasiado lento. Falo con Fran Maseda, de Correr en Galicia, que non pasa nada porque é o primeiro e non está demais que o corpo colla ritmo pouco a pouco, pero temos que aumentar ritmo. Non hai grupos aínda, pero a carreira xa se estira. Vexo que Hernán, Marzoa e Víctor van máis adiantados e non atopo a Lete. Pasamos o km 2 en 4:14,7. Mellor, este é o ritmo. Xiro no acuario e nos diriximos cara Riazor. km 3 en 4:11,6. Pode que algo rápido demais, pero pica para abaixo e apenas hai vento. Hai que manter. No xiro vexo que Lete está uns metros detrás do grupo, xa avisou que depende de como se atopara. Chegamos a Salesianos, km 4 en 4:08,9. Agora si que está todo estirado e xa se comezan a ver 3 grandes grupos, aínda que con moito corredor polo medio entre cada un. O primeiro é o máis numeroso e terá unhas 30 unidades, no segundo haberá 10 persoas, mentres que nós imos no terceiro e seremos uns 15 aproximadamente. En dito primeiro grupo están as tres nécoras. Sei que eles son unha boa roda para intentar asegurar ese sub3h, pois non sabía que marca tiña Hernán, pero Víctor e Marzoa si que teñen baixado ben de 3h. Porén, como me marcara ir a ritmo, non quero obsesionarme e prefiro ir cómodo.

O terceiro dos grupos no km 4



O km 5 sae en 4:11,6, e o km 6 en 4:14,4 (coa subida a Riazor e o primeiro avituallamento). Este é o ritmo. Dicímonos que con cabeza, pois o grupo de diante quítanos só 5-6 segundos e non hai que acelerar. Imos ao mesmo ritmo, pero na saída quitáronnos eses metros. Sen presa, non podemos sacarnos de punto. Mentres, o primeiro grupo lévanos uns 20 segundos e vai algo máis rápido (chegarán a quitarnos case 1 minuto na metade de carreira).

Saímos do paseo, e en Juana de Vega o km 7 marca 4:07,6. Demasiado rápido, xa que aceleramos ao saír de Riazor ao picar para abaixo. Maseda e máis eu estamos a tirar do grupo dende o km 3. Non é mellor opción polo desgaste que ten, pero a verdade é que vou cómodo e síntome con forzas, así que decido seguir tirando).




Os seguintes quilómetros son os mellores en canto ao ritmo que queríamos seguir, entre 4'12"/km e 4'15"/km nos primeiros 10km: km 8 en 4:12,2; km 9 en 4:14,9; km 10 en 4:14,5; km 11 en 4;13,3 e km 12 en 4:14,1. Cando pasamos polo km 10 comentei que imos 8 segundos por debaixo das sub3h, imos moi ben! Xa pasamos o primeiro avituallamento, a idea é beber auga en todos e tomar xeles só no 10, 20 e 30.

No grupo imos falando nalgúns momentos. Hai comentarios e bromas, pero nótase que é unha maratón e que todos queremos gardar todas as forzas posibles. Eu de feito animo nalgúns momentos, pero nesta parte adícome a rodar e ir a gusto co ritmo. Só a un lle botei a bronca por ser o pesimista do grupo jejeje Pero bueno, mentres non nos contaxiase ao resto non había problema xD.

Saímos de Oza e dámonos conta de que estamos collendo a ese segundo grupo que ía uns segundiños por diante, 4:12,2 no km 13. Xusto uns metros antes do xiro de correos, á altura do Obelisco, alcanzamos a dito grupo. A cara de sorpresa deles foi considerable, porque chegamos como un pelotón que os absorbeu. Agora podemos quedar uns quilómetros tranquilos en grupo, sobre todo na zona de Orzán e Riazor. Era unha forma de obrigarme a gardar e ir protexido na zona do paseo. Pasamos pola liña de saída: km 14 en 4:14,2.

Remata a 1ª volta: 59:15,7. Todos xuntiños en amor e compañía, ten moi boa pinta ese grupo. Imos 15 segundos por debaixo do sub3h. A proxección é para facer 2h59'! Esa é a idea! Paso no posto 116 nese intre.

----- 2ª volta -----

O km 15 sae en 4:19,6 e o km 16 sae en 4:17,7. Eu decido aguantar no grupo polo menos ata o acuario. Chegando ao xiro do acuario o ritmo segue sen aumentar moito, entón xusto na rotonda póñome diante para intentar aumentalo un pouco. Pasamos o km 17 en 4:11,6.

Momento no que aumentamos o ritmo, km 17


Debido a ese aumento, adiantámonos dous ou tres metros do grupo. Mateo, un foreiro co que entrei na maratón de Coruña 2015, aparece nese momento en bicicleta e dinos que nos estamos adiantando, que hai vento e non nos desgastemos. Pero a inercia é moita inercia e pasamos o km 18 en 4:07,9 e o km 19 en 4:09,6. Eses poucos metros mantéñense e chegamos a Riazor. A subida, o vento e o avituallamento fan que pasemos o km 20 en 4:20,4.

Nos xiros sempre vexo a Lete uns metros por detrás. Anímoo e grítolle que forza! Hernán, Marzoa e Víctor seguen diante, quítannos algún minuto nese momento, non sempre van na mesma orde e non teño exactamente a que ritmo van, pois o seu grupo está algo roto. Igualmente saúdoos e anímoos cando me cruzo con eles tres. David e Javi van no grupo de 3h30, nunha das veces David dime que deixe de falar, pero iso non está fácil. A Ferre case non o vin, só en Oza ao final da primeira volta hai uns quilómetros xa.

Xusto ao saír de Riazor, volvo a aumentar o ritmo ao ver que o anterior foi moi lento. Inconscientemente, xa nos estamos separando do grupo. É o km 20 e hai que tirar. Eu dende os días previos tiña claro que había que chegar aos últimos kms con algo de marxe.

Xusto ao saír do estadio de Riazor, km 20



Aparece Mateo de novo e dinos que non miremos atrás, que tiremos e que manteñamos, que ese é o ritmo. Anímalle a Pepe (outro foreiro que está facendo o seu debut e animouse con nós a buscar ese sub3h) a que nos siga, que se una a nós. Na baixada ata a Praza de Pontevedra miro para atrás e o grupo está medio roto. A idea era ir xuntos ata o km 30, pero xa non había volta atrás. Tirando Maseda e máis eu, pero con Pepe e varios compañeiros detrás, pasamos o km 21 en 4:06,0 e a media maratón en 1h29'10". Proxectamos 2h58'20". Imos moi ben!

No xiro de dereitas ao deixar Juana de Vega hai moitísimo público. Primeira vez que vexo a meus pais, saúdolles cun xesto: todo vai ben!

Paso pola media maratón


Baixamos un pelín o ritmo, aparece o vento, aparece Oza. km 22 en 4:12,3; km 23 en 4:11,4; km 24 en 4:14,2 e km 25 en 4:10,3. Maseda dime que este km saíu rápido de mais, é certo e baixamos un pelín. Xusto ao saír de Oza, o km 26 marca 4:12,0. Dígolle a Maseda que cravado, pero el dime que non o ten claro, que prefire baixar uns segundos o ritmo. Pregúntolle se seguro e dubido se quedarme con el. Neses segundos de debate interno sobre se seguir xuntos ou tirar eu, xa lle quitei uns metros. Así que decido seguir. Anímoo e dígolle que me ten aí, que siga que siga!

Ese momento foi no que máis voltas lle din á cabeza e repasei un pouco o que tiña pensado, o que fixera ata ese km 26 e o que faltaba. Se apostar ou non. A verdade é que me atopaba moi ben, moi confiado. Nas semanas previas sempre dixen que sabía que o sub3h ía estar aí aí. Que non sabía se o lograría, pero que había que arriscar. Xa pasara o ecuador de carreira, os tempos ían saíndo e sentía que tiña forzas para ir un pelín máis rápido. Así que había que ir a por todas e arriscar. Entre unha cousa e outra, case sen querer, paso o km 27 en 4:09,3.

Obelisco e moitísimo público. O grupo do cencerro, Montxo co Doctor Slump de Correr en Galicia, todo son ánimos! Pasamos por última vez polo arco de saída, o reloxo marca que o km 28 foi en 4:03,1. Demasiado rápido. Crúzome tamén con Marzoa e, uns metros detrás, Hernán e Víctor. Agora parece que non están tan lonxe.

Remata a 2ª volta en 58:45,5. Foi 30 segundos máis rápida que a primeira. As sensacións moi boas, agora comeza a verdadeira maratón!!! Logo na clasificación comprobo que neste punto xa ía no posto 78, corenta menos que ao rematar a primeira volta.

----- 3ª volta -----

Comeza a verdadeira maratón, última volta. Juana de Vega, Praza de Pontevedra e entramos no paseo. Tiña que ir a ritmo ao ser subida e haber algo de vento xa. Os seguintes tres quilómetros foron 4:13,3 (km 29), 4:12,5 (km 30) e 4:14,6 (km 31). Xiramos no acuario e xa teño moi cerca ás tres nécoras (16" según o décimo punto de control). Pica para abaixo e case sen querer estoume lanzando de novo. Paso o km 32 en 4:03,6. Chego á súa altura xusto na Praza de Pontevedra. Son 5, entre eles Víctor e Hernán (Marzoa vai algo diante) e a primeira clasificada feminina. Anímolles e dígolles que imos, que se unan! Pero a verdade é que nese momento estaba demasiado lanzado (dígoo negativamente). Paso o km 33 en 4:03,7. Atópome moi moi forte. Pero vendo como pasei polo seu lado, éntrame o medo por se me estou excedendo. Cómodo non vou, pois xa van máis de trinta quilómetros, pero síntome forte. Aínda así, paréceme unha locura pensar que aguantarei ata o final, así que aproveito a subida de Riazor, o vento que fai e o avituallamento para baixar o ritmo. Miro para atrás e Víctor está xusto detrás, anímoo a que se pegue. Xusto diante tamén están Marzoa e Ferre! Coincidimos os 4 seguidos (sen ninguén intercalado) e Hernán só uns metros detrás. Chego ao km 34 en 4:21,9 e paso a Ferre, anímoo e dime que vai tocado do xemelo. Case sen poder correr, el tamén me dá ánimos. Esas 2h45' chegarán si ou si Ferre! Ten moito valor acabar así!

Agora lánzome na baixada cara Praza de Pontevedra, Marzoa está diante con varios corredores. Fago o km 35 en 4:04,1. Estou en Juana de Vega e no xiro de dereitas para ir cara Oza hai moitísimas persoas! Animo e levanto os brazos! Vamos!!! Chego á altura de Marzoa. Falamos uns segundos, animámonos e dime que tire que tire. km 36 en 4:02,8. Penso que estou sendo un pouco kamikaze, pois quedan 6 quilómetros (incluído Oza e a súa soidade) e levo xa varios kms a 4'/km baixos. Pero as cartas estaban botadas e non había volta atrás, tiña que seguir e mirar só para adiante.
Grazas Mateo!

Nese momento tamén aparece Mateo coa bici, ademais de outros foreiros no cruce de Oza. Dime que vou moi ben, que a cadencia e boa, que teño boa cara, que agora non podo parar! Pregúntame que se vou a 4'10", dígolle que non, que a 4'05"/km, que en menudo fregado me metín eu soliño!







No xiro da Rotonda de Outeiro tómome un pequeno respiro, km 37 en 4:08,3. Xa estamos en Oza. Aparece a soidade na ida e o vento na volta, agora parece interminable Oza. Xa non vou tan forte coma antes, pero manteño o ritmo a modo martillo pilón. Chegamos ao km 38, 4:11,4. Alcanzo a un novo corredor e xiro de 180 ao final de Oza. Pasamos xuntos o km 39 en 4:14,6. Crúzome con Víctor, que parece que está acabando ben, xusto detrás Marzoa, e algo máis Hernán. Xa non os animo, xa non falo, entre modo automático. Avituallamento no que collo auga polo mero feito de pasar uns metros sen pensar. Saímos de Oza os dous xuntos.

Este km estaba sendo o máis duro da carreira, con moito vento, cada metro costaba o seu. Saída de Oza e aí están os foreiros no cruce de novo, dinme que moi moi ben! Que o teño aí! Xusto despois paso o km 40 en 4:22,0. O reloxo marca 2h48' e pico, só quedan 2km e a entrada en María Pita. O traballo está feito, non teño nin debo sufrir máis! Disfruta Suso! O chico co que ía e outro que estaba 10 metros por diante alónxanse pouco a pouco. Dame igual. Non teño que apretar, non é necesario.

km 41 en 4:16,7. Miro o reloxo de novo e marca menos de 2h53'! Teño marxe para baixar de sub 3h! Toca disfrutar da chegada, da igual o ritmo. Paso Correos, último punto de control. Estiro ben a camiseta para que se vexa ben o dorsal e tomen nota do número, non vaia ser! Si si! Conseguírao!!! Síntome coma un neno, sonrío e disfruto! Comezo a aplaudir á xente! Alí está Doctor Slump! Felicítame! Iso é bo, xa non hai ánimos, hai felicitacións! Boa sinal!!!

 A poucos metros do km 42.



Paso o km 42 e o reloxo marca 4.22,8. Iso xa da igual, iso non importa. Volvo mirar, e menos de 2h57'! Iso é o que quería ver! Entrada a María Pita tres anos despois. Non era o meu debut coma no 2014, nin a de 2015 coa chegada co propio Mateo, pero estaba disfrutando coma nunca!

Km. 42


Non hai ninguén diante, miro para detrás e é un deserto. Xiro á esquerda aplaudindo e agradecendo os ánimos á xente para entrar en María Pita. Teño tempo, toda María Pita para min, podo saborealo. Perdón, non podo, debo! Busco a meus pais. Xa o pensara hai uns kms atrás, isto non podía disfrutalo só. Véxoos, e alá vou, o merecen! Isto tamén é grazas a eles!

Saudando a meus pais na chegada


Volvo a correr cara a meta, só uns metros. Miro o reloxo de meta, baixo de 2h58'! Aplaudo, sonrío, levanto os brazos.



2h57'46" oficial
2h57'39" neto



Nada máis chegar espero alí mesmo a que cheguen os demais. Primeiro Víctor e logo Marzoa. Tamén Pepe, o foreiro que se estrenaba. Todos sub 3h! Un minutos despois chega Maseda, o foreiro co que fun ata o km 26, e Hernán. Momentos de abrazos e felicitacións por rematar, con eles e con outros corredores cos que compartín kms e palabras durante a carreira.

Con Víctor en meta



Avituallamento, saímos da zona de chegada e continúan os saúdos, as felicitacións e o intercambio de opinións. Isto é coma unha gran familia! Vou ao encontro con meus pais, grabo a medalla ducha e a Compostela a comer coa familia.



Sétima maratón e mellor marca persoal con moita diferencia! 2h57'39", baixei máis de 15 minutos a miña anterior marca (3h13' en 3 ocasións: Coruña42 en 2014 e 2015, e Porto en 2017). De menos a máis e con sensacións moi moi boas. Disfrutando e saboreando cada metro da chegada. Cada día isto me gusta máis!!!



Non podo rematar esta crónica sen agradecer a todas as persoas participaron nalgún momento neste camiño que rematou este domingo e a todos os que formamos parte do gran espectáculo que se viviu o domingo na Coruña. Pero especialmente, a todos vos, a toda a familia do C.A.R. Marisqueiro, porque é unha pasada pertencer a un club así. De verdade, grazas!!!

Vémonos na próxima nécoras!

Suso.


DATOS DA CARREIRA

2h57'39" neto
2h57'46" oficial (posto: 48)

1ª media: 1h29'03" (posto: 94)
2ª media: 1h28'36"

Parciais de 10km:
42:22 (1-10)
42:20 (11-20)
41:45 (21-30)
41:47 (31-40)

1ª volta (59:15,7)
2ª volta (58:45,5)
3ª volta (58:52,4)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Contamos contigo